Thursday 02 de May de 2024

Lestedo inicia mañá sábado as festas de Lourdes


 

Unha verbena coas formacións musicais Bomba e Olympus abre o programa, que o domingo contará coas bandas de música de Rivadulla e de Teo

A parroquia de Lestedo inicia mañá sábado as súas festas patronais na honra da Virxe de Lourdes. O programa da celebración comezará cunha verbena nocturna na que actuarán o grupo Bomba e a orquestra Olympus.

Ao día seguinte, xornada principal da festa, está previsto un pasarrúas a partir das 10:30 horas. A misa solemne na igrexa parroquial está programada para as 13:00 horas. De seguido a sesión vermú contará coa actuación das bandas de música de Santa Cruz de Rivadulla e Cultural de Teo. A banda de Rivadulla encargarase despois da verbena nocturna.

Recibimento das reliquias de Santa Bernardita
Esta celebración popular, unha das festas patronais máis arraigadas na contorna, precede este ano ao recibimento das reliquias de Santa Bernardita na capela da Virxe de Lourdes de Lestedo. Será o 14 de setembro dentro do percorrido que ata o vindeiro Nadal efectúan as reliquias por distintos puntos de España dentro dun periplo por varios países europeos.

A parroquia prepara un completo programa de actos para o recibimento, no que colabora o Concello de Boqueixón e as diversas asociacións da zona. Comezará ás 16:30 horas e rematará pouco despois das 18:30 horas. Durante os actos relixiosos as persoas que o desexen poderán rezar ante a santa e os enfermos que o soliciten recibirán unha beizón. Ao final descubrirase unha placa conmemorativa do acontecemento.